O Pleno aproba outro mal proxecto para a praza do colexio de Xuvia ante o rexeitamento de Patrimonio ao anterior.

O Pleno de Narón, co voto en contra de Eliximos, volveu a aprobar a reforma da praza do colexio de Xuvia, novamente sen contar coa opinión dos veciños e sen cumprir a lexislación, pois da o visto bo a un proxecto sen a previa autorización da Consellería de Cultura ao ser un ben afectado pola protección que ten o entorno da escola de Xuvia.

Precisamente patrimonio veu a darlle a razón a Eliximos en todos os argumentos Sobre a redución do espazo público, a corta dun arboredo e o risco das pletinas para conter as partes axardinadas.

Tivemos unha gran sorpresa ao ver que o novo proxecto, feito novamente sen contar nin informar a ninguén, nin tan sequera na debida forma con Patrimonio. Sorpresa porque fai unha proposta diametralmente oposta á anterior, pasando de reducir a praza a aumentala, e de priorizar o aparcadoiro e os coches a peonalizar a zona eliminando todos os aparcadoiros.

Sen embargo, no novo proxecto seguemos a ver deficiencias coma:

  • Un só paso de peóns, cando debería haber un ou dous máis.
  • Falta a iluminación de resalte do paso de peóns.
  • Falta de solos diferenciadores en cor e textura na aproximación ao paso de peóns.
  • Falta sinalización horizontal e vertical recordado a velocidade dos coches.
  • Faltan ramplas de subida á praza e a beirarrúa contraria, mentres que a da estrada de Castela non cumpre a normativa.
  • As luminarias colocadas no medio das árbores quedarán tapadas polas follas destas, como xa ocorre actualmente.
  • Os bancos non cumpren a normativa.
  • Non se contempla carril-bici para que os pequenos poidan chegar en bici dende a estrada de Castela, onde se di que haberá carril-bici, ao colexio, onde acaban de poñen un aparcadoiro de bicis.

Estamos a favor de mellorar a praza, pero non podemos apoiar un proxecto con tantas deficiencias, nin entendemos que se formule a eliminación das prazas de aparcamento sen habilitar aparcamento alternativo e de costas a veciñanza.

Deixa unha resposta