Outros sobrecustos e efectos do contrato de recollida de lixo e limpeza viaria.

PLAN DE SENSIBILIZACIÓN E COMUNICACIÓN

O contrato xa finalizado recollía unha cláusula que obrigaba a “realizar unha campaña anual de educación e concienciación cidadá en materia de utilización dos medios de recollida e limpeza viaria dirixida á poboación en idade escolar e público en xeral cuxo custo irá incluído no prezo de licitación”.

É un texto tan aberto que é difícil de saber se a empresa cumpriu a cláusula, aínda que consideramos que as campañas non foron efectivas á vista da actual porcentaxe de reciclaxe, que en peso é tan só do 10,6 %.

Segundo a información facilitada, os custos das campañas de concienciación dos últimos 6 anos ascenderon a case 30.000 euros, sendo en torno ao 50 % dedicado a publicidade e patrocinio deportivo (ver táboas).

Segundo o prego do novo contrato o contratista “deberá reservar un mínimo do 1,5% do importe anual facturado á realización de campañas e actuacións de comunicación e sensibilización cidadá”, actuacións que deberán contar coa aprobación do Concello e nas que inicialmente se investirían 40.600,57 euros + IVE. Ademais “O Concello poderá requirir a realización de campañas e actuacións … con cargo a esta partida … en particular, promoveranse campañas conxuntamente con asociacións culturais e deportivas locais”.

É dicir, o goberno está a encarecer o recibo do lixo nun 1,5 %, mediante campañas que demostraron ter pouco alcance e efectividade, pero que lles serve como medio de financiamento “encuberto” para os clubs deportivos e asociacións culturais “afíns” para manter a súa rede clientelar e fidelizar o voto.

ABSENTISMO DO PERSONAL.

O anterior contrato foise ampliando para novas tarefas con persoal adicional cargando no seu custo unha porcentaxe do soldo para afrontar a contratación dunha persoa eventual de reforzo para cubrir as vacacións (incremento do 8,33%) e as faltas por absentismo, con sobrecustos que foron variando desde o 5,67% ao 9,67%.

Denunciamos ante o Tribunal de Contas estes sobrecustos por absentismo, xa que debesen ser asumidos pola compañía como parte do seu risco empresarial, pois: se o absentismo non chega á porcentaxe fixada, se as faltas cóbrenas os compañeiros, ou se simplemente son cubertas, supoñen uns importantes e inxustificados ingresos adicionais para a empresa.

No novo prego de contratación volve engadirse unha porcentaxe adicional do 5 % para o absentismo a pagar polos veciños, o que supón un encarecemento inxustificado de case 70.000 euros na factura anual do servizo.

CONDICIONANTES DE CONTRATACIÓN DE PERSONAL.

O Tripartito parece querer forzar á empresa para que poña de mandos a persoas concretas. O prego técnico esixe á empresa un “director do servizo” que actúe como o seu representante ante o Concello, para controlar os servizos, con poder e capacidade decisoria para contratar e para ordenar a disposición de gastos. Engaden logo outros condicións como: “É requisito indispensable que o director do servizo resida no municipio e que teña dedicación completa ao mesmo.O director do servizo deberá ter titulación universitaria e polo menos 10 anos de experiencia, nos últimos 15 anos, na organización e xestión de servizos de recollida e transporte de residuos domésticos e limpeza viaria.”

Entendemos que algunha destas condicións non se axustan a dereito (artigos 34 e 76 da LCSP) porque:

  • As esixencias non figuran como obrigacións esenciais do contrato.
  • A solvencia técnica non depende da residencia do director nin do nivel de experiencia esixida.
  • O contrato non ten unha complexidade técnica que requira das esixencias establecidas.
  • Os requisitos non son razoables nin están xustificados polas características do contrato.
  • As esixencias limitan a participación das empresas na licitación, debido ao escaso número de persoas que as poden cumprir (talvez só unha, o que apunta ao típico posto feito a medida de alguén).

Ademais, para o posto de encargado tamén fixa condicións (que apuntan a un interese por colocar a alguén):

“Cubrirase con persoal do actual persoal que acredite experiencia adecuada e un alto coñecemento do servizo. O proceso de selección … será supervisado polos servizos municipais.

Estas condicións entendemos que tampouco se axustan a dereito por:

  • Ser contrario ao interese público e á boa administración, ao dedicar funcionarios públicos a unha tarefa interna dunha empresa privada, e porque impide ás empresas contratar unha persoa de categoría e experiencia xa demostrada no devandito posto.
  • Ir en contra da subrogación, ao forzar a recoñecer a un dos empregados unha categoría que non posúe.

Entendemos que as imposicións sobre ambos os postos van en contra da necesaria liberdade da empresa para a súa organización e para poñer persoal da súa confianza nos devanditos cargos para garantir a mellor xestión.

Deixa unha resposta