Os veciños de San Xiao piden un convenio Concello-Deputación para actualizar o proxecto do ensanche e modificación da estrada de Xuvia a Castro (DP-5401)

Os veciños de San Xiao reunidos en asemblea o pasado domingo día 4 de novembro apoiaron solicitar:

  1. Se proceda á elaboración e firma dun convenio entre o Concello e a Deputación para acadar, á maior brevidade posible, a actualización e mellora do proxecto do ensanche e modificación da estrada DP-5401, tendo en conta as reclamacións veciñais.
  2. Solicitar á Deputación o inicio do proceso de expropiación das parcelas afectadas pola modificación do PXOM para a mellora da estrada.

Apoiarán con unha campaña de recollida de firmas estas peticións que se recollen na moción que presentouse dende Eliximos para o seu debate na comisión de contas e no pleno deste mes de novembro. Os motivos son que:

  • Pasados catorce anos da elaboración do proxecto do ensanche e modificación da estrada é necesaria a súa actualización, pero tamén a súa mellora para ter en conta as esixencias das novas leis, como a de accesibilidade que di que as vías públicas haberán de ser proxectadas e construídas de forma que resulten accesibles para todas as persoas na maior extensión posible. Non queren que lles pase o que está a acontecer coa estrada de O Trece.
  • Logo de estar a esperar 14 anos pola obra, e ante a evidente necesidade de mellorar a seguridade da mesma tanto para peóns como para os vehículos, chegou o momento de que as Administracións unan esforzos para dar unha solución ao problema mediante un convenio semellante a outros antes firmados, como o de 2014 polo cal a Deputación facíase cargo tanto da ampliación e mellora da estrada de O Trece como da instalación da rede de saneamento e abastecemento, para que ambas actuacións se realizasen de xeito conxunto, algo que deberíase tamén facer nalgún dos novos tramos da estrada de San Xiao para non ter logo que andar levantando nela.
  • Xa pasaron nove anos da modificación do PXOM para recoller o novo trazado da estrada, implantándose só na saída en Castro, e os veciños teñen dereito a saír deste impás no que se encontran (dereito que se recolle no artigo 86 da Lei do solo de Galicia), coas súas propiedades condenadas pero sen que se lles expropie a parte das fincas afectadas pola vía e, polo tanto, sen que poidan coñecer ata onde chegarán despois as súas propiedades.

Deixa unha resposta