Os afectados polo proxecto de senda peonil e ciclista de O Val plántanse na alcaldía para conseguir unha reunión coa alcaldesa.

O 4 de marzo publicábase no DOG a aprobación do expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na AC-116 (treito AC-114 – Meirás). O mesmo día os veciños afectados pola senda solicitaban unha entrevista coa alcaldesa.

Con data 14 de marzo sae publicado no DOG o decreto para a urxente ocupación das propiedades deste tramo, e o 19 de marzo responde a alcaldesa que “unha vez nos sexa remitido o proxecto definitivo, … poderá fixarse unha data para a devandita reunión”.

Con todo, a comunicación da data nunca chegou, a pesar de que o 4 de abril a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) sacou a licitación a obra, facéndose público o novo proxecto.

O novo proxecto está amplamente transformado, e ten pouco que ver co anteriormente exposto ao público en 2016, deixando amplas zonas sen actuación ningunha, mentres que outras resultan moito máis afectadas e con maiores expropiacións, cun claro agravio comparativo.

O pasado día 4 de abril a Conselleira de infraestruturas acudiu a un acto de campaña do seu partido en O Val para dar explicacións. A Sra. Concelleira dixo aos afectados que solicitasen a devolución dos terreos e a cancelación da senda en O Val para poder ela xustificalo, e que esta solicitude debía preferentemente de canalizarse a través do Concello.

En consecuencia, a través dunha moción de Eliximos Narón, os veciños solicitan:

  1. Proceder a cancelar o proceso iniciado de expropiación para a primeira fase, xa suspendida.
  2. Non iniciar a expropiación das propiedades de O Val na súa segunda fase.
  3. Comunicalo á Consellería de infraestruturas e á AXI.

Esta moción tratábase na Xunta de Portavoces celebrada hoxe luns, polo que unha representación dos veciños concentráronse ás portas do Concello en apoio á mesma. Todos os partidos con voto na Xunta (é dicir, todos excepto ENE) abstivéronse, pero deixaron bastante claro que non tiñan intención de apoiala no pleno.

Ante esta situación os veciños solicitaron por rexistro intervir no próximo pleno, e ocuparon a sala de espera da alcaldía indicando que non se irían ata que a alcaldesa concertase a reunión solicitada. Finalmente a citación produciuse, quedando os veciños convocados para o vindeiro luns día 29 de abril ás 13:30 horas.

Deixa unha resposta