Os afectados pola senda de O Val piden que se acabe co abuso da A.VV.

O consello reitor do local social de O Val, papel que actualmente asume a A. VV., debe aprobar as normas de uso do local acatando o Regulamento de locais, entre outras normas, a de horarios segundo: “Os centros permanecerán abertos de acordo cos horarios establecidos polo consello reitor e conforme coa normativa vixente aplicable”, é dicir, o consello reitor pode establecer o horarios pero sen incumprir a normativa, por tanto, sen incumprir cos fins dos locais, o que se contrapón con ter os locais pechados, e especialmente cando está a ser solicitado o seu uso.

Mentres outros locais están abertos os fins de semana, o de O Val só abre o sábado pola mañá e, ante a negativa de apertura por parte da A. VV. para o uso polos afectados da senda peonil e ciclista de O Val, foi solicitada a apertura á Alcaldesa que, como responsable última, decidiu ordenar á policía local de quenda a apertura e peche do local durante un tempo, en lugar de ordenar á directiva da A. VV. que cumprise co regulamento.

Ante a negativa da A. VV., propúxoselle á Alcaldesa que entregase unha copia da chave do local á entidade “En Forma”, que ten a súa sede no mesmo local, xa que estaban dispostos a cumprir coa obrigación da apertura e peche solicitados, sen que ata a data désese resposta afirmativa.

Das declaracións á prensa sobre este tema de Catalina García despréndese que parece descoñecer os regulamentos, pois o regulamento da participación cidadá non trata nada sobre a apertura e uso dos locais, e o regulamento de locais non di nada que quen é o encargado de abrilos, de feito é habitual que varias entidades e/ou persoas dispoñan das chaves e abran segundo as situacións. Sorprenden que estas declaracións veñan da concelleira de Participación Cidadá, pois debería coñecer perfectamente o seu regulamento, xa que ademais dispón dunha dedicación exclusiva para atender as súas obrigacións.

Esperemos que a Alcaldesa resolva pronto esta situación, logo de varios meses de parches e indecisións, evitando que os veciños se vexan abocados tomar medidas para que se cumpran os seus dereitos.

Deixa unha resposta