Os afectados de O Val recollen 824 firmas para pedir á conselleira que se cancele todo proxecto de senda peonil e ciclista na parroquia

No escrito remitido esta semana á Conselleira, subscrito por 824 firmas, afirman:

“Os afectados pola senda despois dun longo proceso no que sentimos ignorados polas Administracións, tras meses solicitando ser escoitados e a apertura de negociacións sobre o proxecto, para finalmente ser enganados polos membros do Goberno local, perdemos a confianza nas Administracións e agora rexeitamos abrir unha negociación para chegar a un novo proxecto da senda e acollémonos á súa decisión de non executar a obra.

Doutra banda, este rexeitamento facémolo extensivo aos outros tramos de senda nas estradas da Xunta en O Val.”

Tamén queren lembrarlles novamente ás Administracións que cumpran coas leis que elas impoñen, así como as palabras do fiscal coordinador de Seguridade Viaria da Fiscalía Xeral do Estado, Bartolomeu  Vargas, que a pasada semana alertaba dos perigos que provoca o mal uso dos patinetes eléctricos e bicicletas, que están a causar problemas cos peóns, que están a ser os grandes prexudicados polos vehículos de mobilidade persoal, e quería deixar clara unha cousa: «As beirarrúas son para os peóns, que son quen máis dereitos teñen nas cidades».

Os afectados cren que a fiscalía debería de poñer freo ás actuacións da Xunta, que presume de levar construídos 100 Km. de sendas mixtas para ciclistas e peóns, obtendo de Europa fondos que deberían ir destinados a carrís bici segregados, destinados ao desenvolvemento dunha mobilidade alternativa real en Galicia.

A Orde VIV/561/2010 di “Os carrís reservados ao tránsito de bicicletas terán o seu propio trazado nos espazos públicos urbanizados, debidamente sinalizado e diferenciado do itinerario peonil”, e o mesmo Plan Director de Mobilidade Alternativa de Galicia fala de xurisprudencia sobre o tema recollendo que «o ciclista ten a condición de condutor de vehículo, e que as beirarrúa e as zonas peonís son destinadas ao tránsito de peóns, “en ambos os casos sen excepción ningunha”».

Deixa unha resposta