Os afectados de O Val piden un diálogo real e menos mentiras.

Os afectados de O Val lamentan que a Alcaldesa siga enganando con respecto á senda peonil e ciclista. O engano xa comeza cando fala dun investimento de preto de 800.000 euros cando a obra está contratada por un importe neto de 457.800 €.

Falar de que existiu diálogo é mentir, ningún cargo da Xunta dialogou, e os técnicos que enviaron non viñeron dialogar senón a explicar o proxecto, e tomar nota de deficiencias do mesmo.

O Concello tampouco dialogou, só tentou convencer aos veciños de que non había máis remedio que aceptar o proxecto, para logo mentir sobre as modificacións ao mesmo.

O Concello tampouco facilitou a comunicación coa Xunta pois rexeitou unha declaración institucional incorporando o texto coas reclamacións dos veciños, e oculta a información que supostamente lle transmitiron, en nome dos veciños, ao director da AXI en Santiago.

Concello e Xunta falan de diálogo pero non respectan aos afectados como colectivo ignorando o seu dereito para tratar este tema en conxunto. Tampouco aceptan como interlocutor e representante a un representante legal, como é un concelleiro, a pesar de ser un dereito democrático, nin dan resposta aos escritos comunicados oficialmente por rexistro, e ao entregado aos técnicos da Xunta tras a asemblea, coa firma de preto duns cincuenta asistentes.

Existe unha evidente manipulación da información por parte do Concello, pois do recollido como unha sensación (“na consellería existe a sensación de que os veciños están a ser mal asesorados”) pásase a unha afirmación (“debido ao mal asesoramento, tal e como se recoñece desde a Xunta”); e dun diálogo condicionado á presentación dun proxecto modificado (pedindo proba escrita motivada polos enganos) pásase a unha negación ao diálogo (“eles mesmos negáronse publicamente ao diálogo”); e de pedir unha modificación do proxecto pásase a “un novo proxecto que é o que se expón desde o colectivo”

Falar de “modificacións … que trataban de estudar unha vez marcado o trazado inicial na propia obra, finalidade coa que se desprazan hai uns días a Narón” é tomar aos veciños de parvos, porque o trazado está perfectamente coñecido e medido, e as modificacións estúdanse sobre o proxecto (mesmo mellor que sobre o terreo) e non require marcar o trazado inicial.

Os veciños piden que se cumpra lei e as propias normas da Xunta, e que se aproveite a reforma do proxecto para liquidar as moitas deficiencias que presenta, mentres que a Xunta parece pasar desa legalidade e só ofrece cambios menores, que parece non querer plasmar no proxecto, e a única alternativa que ofrecen é non facer a senda, tirando cos investimentos realizados ata o momento.

Agora a alcaldesa di “entendemos que xurdisen unha serie de reclamacións sobre ese proxecto” e, por iso, os veciños non entenden porque non se reclamaron desde o Concello e porque non está do seu lado reclamando.

A Alcaldesa de erixe como mediadora, algo imposible desde o momento que non acepta ao colectivo de afectados e os seus interlocutores como unha das partes, pedindo que a oposición adopte a súa postura de “mediadora”, que é o mesmo que deixar aos veciños sós ante a Xunta sen ninguén que os defenda.

Deixa unha resposta