O Tribunal de contas abre investigación por posibles irregularidades no contrato de recollida do lixo de Narón.

A través dun Auto do pasado día 14 de xuño, o tribunal de contas notificou ao Concello de Narón o traslado á Sección de Axuizamento da denuncia de Eliximos sobre irregularidades no contrato de recollida de  RSU e Limpeza Viaria para o nomeamento de Delegado Instrutor que investigue a causa.

A apertura da investigación ordénase tras informar o Ministerio FiscalQue analizadas as irregularidades denunciadas, o Fiscal entende que estes feitos postos de relevo polo denunciante, acudido como actor público, poderían constituír un concreto menoscabo de fondos públicos debidamente individualizado susceptible de dar lugar á existencia de responsabilidade contable por alcance e que ha de ser obxecto de aclaración en fase de actuacións previas.

A denuncia de Eliximos céntrase en irregularidades no contrato de recollida de Residuos Sólidos Urbanos e Limpeza Viaria desde o ano 1998 pola incorrecta actualización do canon, a aceptación de recargas preventivas e o incumprimento de compromisos de campañas de divulgación establecidas no contrato, e especialmente na falta de actualización do canon entre o 2015 e 2017.

Dita denuncia vai dirixida contra funcionarios e políticos do Concello entre os que se atopan o ex-alcalde e a actual alcaldesa pola súa posible responsabilidade nos feitos.

Trátase de cantidades que se estiman en 225.182,77 euros pola incorrecta actualización do Canon entre os anos 2014 a 2017, así como a incorporación de recargas “preventivas” na contratación de persoal con cantidades acumuladas entre os anos 2014 a 2017 que ascenderían a 131.635,35 euros, ademais doutros temas de menor contía.

En total estímanse nuns 357.000 euros nos últimos 4 anos que son os que non prescribiron, pero a cantidade sería moito maior se temos en conta que as irregularidades virían realizándose desde 1998.

Hai que lembrar que tras a comunicación ás partes da apertura da Acción Pública do Tribunal o pasado día 11 de maio procedeuse (co contrato xa finalizado, aínda que prorrogado á espera dunha nova licitación) á actualización do canon dos últimos 3 anos mediante unha resolución plenaria do mes de maio pola que a empresa concesionaria, Urbaser, xa procederá á devolución ao Concello dun saldo total de 148.850,58 €.

Deixa unha resposta