O Trece avaliará accións para esixir accesibilidade e seguridade na estrada.

A asociación de veciños de O Trece, a petición de Eliximos Narón, convoca aos seus veciños a unha asemblea, que se celebrará o vindeiro sábado día 30 ás 11:00, coas obras de ampliación da estrada como único punto da orde do día.

Á vista de que o Pleno do Concello de Narón non aprobou a moción presentada por Eliximos, que incorporaba as reclamacións sobre da obra referendadas polos veciños na asemblea do pasado sábado día 16, e de que a Deputación remitiu ao Concello un informe de resposta que viña a rexeitar as mesmas (a excepción das necesarias entradas ás propiedades), faise necesario manter unha nova asemblea para avaliar conxuntamente a situación e tomar decisións sobre os pasos a dar nun futuro inmediato.

Dado que as obras non paran, é necesario tratar de resolver as demandas o antes posible ou paralas antes de que se acometan traballos como a fundición das cunetas en formigón, xa que habería que desfacer o traballo incorrendo en máis gastos dos necesarios, e son cartos públicos.

A accesibilidade é un dereito que vén recoñecido por Nacións Unidas, pola Unión Europea, e por as lexislacións española e galega.

Non se pode tolerar que unha administración como a Deputación, cun proxecto datado en 1998 que incumpre boa parte da lexislación actual, co beneplácito do Concello, estea a pisar os dereitos dos cidadáns.

Non se pode consentir que as propiedades dos veciños queden condenadas a riscos de derrubamentos, creándolles problemas e gastos aos veciños e inseguridade na estrada.

Resulta inaceptable que, á propia barreira que xa suporá unha estrada con máis tráfico (e probablemente máis veloz), se sumen como barreiras unhas cunetas infranqueables que condenan aos veciños a camiñar por unha beiravía estreita, poñendo en risco súa integridade física, o que lles imporá un illamento nas súas casas, dificultando, ou impedindo na práctica, ese contacto humano entre a veciñanza que é parte da esencia do rural.

Deixa unha resposta