O saco roto nas obras de Narón

O saco roto nas obras de Narón.

Continuamos a ver como os naroneses perden os seus cartos pola mala planificación, malos proxectos, mala xestión e falta de vixilancia das obras do Concello.

Narón non ten un plan de obras, ninguén sabe ben cales son os obxectivos e os prazos, e menos as inversións requiridas. Logo falla a planificación e os requisitos legais, como os permisos de outras administracións, fanse no último momento coa obra xa aprobada, retrasándose ata anos. Como exemplo máis coñecido temos a praza do colexio de Xuvia que non contaba coa autorización de Patrimonio e houbo que cambiar o proxecto, pero pasa con moitos asfaltados de pistas, obras de saneamento, alumeado, obras nos parques, etc.

Ninguén sabe o que se vai facer ou como se vai a facer ata que presenta un proxecto á comisión de contas, pero só para aprobalos gastos, sen deixar nin opinar sobre as obras en si. As veces adiántanlles algo as asociacións que saben das súas necesidades pero que, en moitos casos, non saben ou non poden opinar de solucións técnicas ou económicas; aínda que é mais frecuente que non teñan claro o que se vai facer ata a súa construción.

Os proxectos moitas veces non están ben concibidos ou presentan solucións técnicas moi deficientes e incluso que non cumpren coa lexislación. Encontrámonos con obras no saneamento que supoñen un sangrado continuo de cartos en enerxía e mantemento de sistemas de bombeo que non se optimizaron e sendo evitables ás veces. Hai arranxos con traballos innecesarios, coma os que se van facer nos aseos dos locais sociais, ou que son un parche que non solucionan os problemas, e obras que non cumpren coas normas de accesibilidade e logo haberá que arranxar.

Tamén estamos a sufrir mala xestión e a falta de vixilancia, como é a obra da antiga reitoral de Pedroso que debía de estar acabada en 2016 e un ano despois aínda está por rematar, e con moitas deficiencias técnicas e incumpridos os compromisos do contrato, denunciados por nos mentres o Goberno miraba para outro lado. Tampouco se salvan, por exemplo, as famosas minipistas do Alto e da Gándara que non se remataron porque o chan quedou facendo charcos e hai que arranxalo ou buscarlle unha solución, ou a praza de Xuvia que logo de reiteralo repetidamente leva os farois escondidos entre as árbores.

Todo isto supón unha perda de tempo e cartos que paga a veciñanza e que novamente caen en saco roto.

Deixa unha resposta