O GROSO DAS CONTAS DO CONCELLEIRO DE ELIXIMOS.

O GROSO DAS CONTAS DO CONCELLEIRO DE ELIXIMOS

O diñeiro cobrado polo Grupo Mixto Municipal repártese entre EU e ENE correspondéndolle a metade a ENE, son 3.600 € ao ano. Este diñeiro non o poden usar os concelleiros para si, a lei esixe que se empregue en gastos do Grupo Municipal (nin tan sequera poden empregarse en gastos do partido político dos concelleiros) e fai fincapé en non poder usalo en investimentos inmobiliarios ou en “gratificacións” a funcionarios. Debemos levar contabilidade dos gastos do Grupo e en calquera momento a Intervención municipal pódenos esixir os xustificantes sobre o seu uso.

No noso caso empregámolos en dípticos, carteis, páxina web, gastos legais en contenciosos abertos, técnicos e estudos técnicos contratados, etc. Indicar que ata a data non temos cotas de afiliados na coalición.

Os plenos son 8 ao ano pola tarde, pola mañá 3 fixos máis outros 3 posibles Extraordinarios (se hai mais non se cobran), cóbranse a 200 € brutos dos que o Concello nos reten o IRPF (no meu caso o 20%) quedándome 160 €/sesión, co que podería chegar a un máximo de 160 x 14 = 2.240 €/ano.

Das comisións e Xunta de portavoces cobro por 2 delas (as outras dúas as cobra André de EU) podendo haber unhas tres extraordinarias con dereito a cobro ao ano, unhas 11*2+3=25 ao ano a 100 – 20 (IRPF) = 80 € cada una son 2.000 euros/ano. Todas estas comisións son polas mañás e tamén temos que ir obrigatoriamente polas mañás para consultar os documentos necesarios para elas (gardando quenda entre os partidos para ter acceso a eles), o cal son moitas horas perdidas de traballo.

En 2016 foron case 230 horas o número de horas de falta ao traballo que empreguei nas xestións e actos no Concello, repartidas en 103 días do ano (e que tiven que xustificar), unhas 20 horas ao mes (tendo en conta que en agosto hai menos asuntos que atender). En 2015 a media foi de 33 horas ao mes porque era máis novato na concellería.

Aínda que, por dereitos do estatuto dos traballadores téñennos que pagar o salario basee desas horas, perdemos os incentivos do traballo. No meu caso particular perdo 4,4 €/hora en incentivos do traballo que por 230 horas en 2016 foron 1.012 € perdidos nese ano.

Os gastos de transporte son duns 2 euros por viaxe, e foron unhas 130 viaxes obrigatorios (comisións, plenos, consultas documentación, reunións de participación cidadá, etc.), polo que habería que sumar polo menos 260 €/ano.

Os gastos de asesoramento legal (avogado) contratados son de 201,67 €/mes = 2.420,04 € que é un gasto case obrigatorio dado que a nosa coalición non ten o apoio directo de ningún partido político e existe unha responsabilidade legal e persoal sobre todos os asuntos nos que vote afirmativamente, e que, chegado o caso, podería ter que facer fronte aos gastos ou perdas causadas co meu patrimonio persoal.

Total= 2.240 € (Plenos) + 2.000 € (Comisións) – 1.012 € (Incentivos traballo) – 260 € (viaxes) – 2.420 € (avogado)= 548 €/ano, sen ter en conta outros gastos, nin por suposto o tempo de dedicación, pois as 2 semanas de comisións e pleno debo dedicar case o 100% do meu tempo libre ao estudo da documentación, seguimento de boletíns, rexistros, prensa, elaboración de artigos, estudo da lexislación aplicable, preparación de intervencións en comisións e plenos, etc. As outras 2 semanas son de menor ocupación pero tamén con máis de metade do tempo atendendo ás obrigacións directas ou indirectas como concelleira.

En resumo, quédanme 46 €/mes que ao final se van noutras cuestións menores (subscrición ao Diario de Ferrol, cartuchos de impresora, algún donativo, etc.).

Deixa unha resposta