O custo do circo de TEGA

Aínda que pode parecer pronto para criticar os feitos da nova etapa, o certo é que comeza con mal pé pois o que debería de ser un trámite normal na democracia, como é o cambio dun alcalde, convertérono nun circo para encomiar tanto ao alcalde saínte como á nova alcaldesa.

Certamente cos seus cartos poden celebrar o que queiran, como a despedida-benvida que xa fixeron na recente “Festa do río” cos seus afiliados e simpatizantes, pero non é xustificable que se faga co diñeiro público.

O pasado luns día 18 xa tivemos un pleno extraordinario co motivo de aprobar cambios no orzamento e ao finalizar o mesmo puidéronse facer os tramites incluídos no pleno do pasado sábado día 23, pero está visto que sendo un luns laborable o espectáculo ía ser pobre de público, e que mellor que facelo un sábado para encher as páxinas da prensa no fin de semana, cando ten máis lectores.

Outras decisións tamén moi cuestionables fixeron que en todo o acto o alcalde saínte non se apartase do centro da escena e lle desen protagonismo a outros membros da corporación. Todo amañado para que TEGA tivese o dominio do teatro.

A pregunta agora é en que beneficiou aos naroneses o gasto extra de polo menos 6.000 euros que custou o montaxe do circo de TEGA. ¡Mal empezamos!.

Deixa unha resposta