O anuncio de diálogo da Xunta e a suposta información entregada pola Alcaldesa á AXI.

O 18 de xullo solicitamos por rexistro copia da documentación entregada á Xunta ou organismos desta, como a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), referente á senda peonil e ciclista que ten proxectado pola AC-116 e a AC-114 sobre a posibles melloras ou modificacións ao proxecto ou das reclamacións dos veciños sobre o mesmo.

Xa transcorreron 33 días dende entón e non hai resposta ningunha, pese a que o Regulamento di claramente que as peticións dos concelleiros teñen que estar respondidas en 5 días naturais.

Seguramente a resposta, se chega, é que non se lles entregou nada, pois na comisión do 16 de xullo o concelleiro de Eliximos xa lle preguntou ao Sr. Ramos (que foi á reunión de Santiago coa Alcaldesa) sobre o tema, e a súa resposta foi que os papeis entregados eran anotacións privadas; entón lle preguntou si a reunión co director da AXI era privada ou oficial como representantes do concello, respondendo que foi oficial, recordándolle o concelleiro que calquera comunicación oficial entre Administracións Públicas ten que facerse por Rexistro e que nunha entrevista oficial non caben papeis privados.

A conclusión é que non houbo transmisión oficial das peticións dos veciños, como se encargaron de anunciar na prensa, en todo caso, houbo un intercambio de impresións entre os representantes das dúas Administracións, unha posta en escena de cara á “galería”, e que soa máis ben a un “colegueo” que a unha reunión seria.

O suposto achegamento de posturas coa Xunta non chegou, non houbo ningunha comunicación de resposta, o único feito foi a volta dos técnicos da Xunta para remarcar o trazado e dicir que non había cambio ningún. Entón a pregunta é ¿Onde quedou o diálogo?.

Deixa unha resposta