Multiplicación de obras de precampaña en Narón, construidas para “arranxar”.

Cando se cambiou a normativa para evitar a multiplicación de inauguracións en campaña electoral xa se intuía que a picaresca española atoparía outra forma para que os políticos se “luzan” en campaña e precampaña.

Entre formulas xa empregadas e seguida polo Tripartito de Narón é deixar o groso das obras e investimentos para o ano preelectoral. O diñeiro que non se foi investindo en anos anteriores foise acumulando e agora en precampaña desbórdanse de investimentos e obras.

O de “desbordan” tamén vén a conto porque se desborda a capacidade de xestión do Concello cos servizos técnicos, os de intervención e sobre todo o de contratación desbordados e sen capacidade para dar saída ao traballo acumulado. Aínda que isto xa non é algo novo, pois xa vimos que moitas das obras aprobadas o pasado ano, e que deberían terse licitado en 2017, pasáronse a este ano, e bastantes aínda están en proceso de licitación en decembro de 2018.

Outro clásico das obras municipais é a falta de planificación, de criterio ou de coherencia. Así nos atopamos con casos curiosos dos que imos citar algúns como exemplo:

  • Falta de accesibilidade. Levamos dende o 2015 pelexando pola accesibilidade en Narón, e xa sabemos que é difícil e custoso emendar ou mellorar a realidade xa presente, pero o que non ten desculpa é que as novas obras fáganse con deficiencias de accesibilidade. Conseguimos que se refixesen algúns proxectos para emendar as deficiencias antes de comezar as obras, e noutros conseguimos melloras a posteriori, aínda que noutros non se nos fixo caso, e seguen propoñendo novas obras nas que non se teñen en conta todos os requirimentos legais, aínda que si afirmen o contrario; así que a situación é que se están empezando a facer accesibles algúns espazos mentres que, doutra banda, fanse novas obras sen accesibilidade.
  • Parques infantís. Aprobouse algún novo parque con chan de cortiza de piñeiro, cando xa se estaban adaptando os existentes con lousas de caucho, e constrúese agora estando aprobada a renovación dos chans para substituír as lousas por un chan continuo de caucho en 10 parques, xa que as lousas non deron o resultado esperado porque se despegan levantándose polas beiras e provocando caídas. Sen embargo, con gran bombo tamén están a anunciar a renovación do parque infantil da Gándara, cun investimento de preto de 154.000 euros e a renovación xeral das súas instalacións, mentres se reutilizan as lousas no lugar de aproveitar a obra para substituílas tamén por un chan continuo, a pesar de que segundo a alcaldesa “Esta praza é un dos espazos máis concorridos da nosa cidade polos nenos e nenas e precisa dun cambio, con novos elementos de xogo e melloras de seguridade”.
  • Iluminación deficiente. A iluminación é algo esencial en zonas públicas tanto por seguridade, ante posibles actos vandálicos ou fronte a accidentes, como para un uso e goce seguro. Con todo é un dos aspectos máis esquecidos polo Tripartito. Atopámonos con:
  • Iluminación mal distribuída, como no parque de Freixeiro ou na reformada praza do colexio de Xuvia, con zonas moi escuras (1 lux, fronte aos 20 requiridos) e moi preto outras moi claras (280 lux), e mesmo farois instalados entre as ramas das árbores que non cumpren a súa función.
  • Iluminación deficiente en novas instalacións, aínda que teñen algunha porque reciben a da contorna, como na pista multideporte de O Alto (Santa Tecla), algúns parques infantís, ou as escaleiras de acceso ao parque de Piñeiros, etc.
  • Ausencia de iluminación, como o caso do novo parque anexo ao local social de Sedes en cuxo proxecto non se contemplaba iluminación ningunha.
  • A sobreiluminación, incriblemente tamén se dá, chegando mesmo a multiplicala en máis de 2 veces. Por exemplo, o pavillón do colexio da Solaina na que se renovan as lámpadas para, supostamente, mellorar a eficiencia enerxética da instalación, e poñen unha iluminación de 480 lux cando son requiridos 200 para este tipo de instalacións. Está claro que substituír focos doutro tipo polos LED aforran enerxía pero aínda máis se aforraría se se poñen os necesarios e non o dobre, non só en enerxía senón tamén no material da instalación.
  • Caldeiras de gasóleo ( Viva a eficiencia enerxética !!). Cando as administracións española e europea están a apostar por retirar os combustibles fósiles das fontes enerxéticas e temos alternativas non só máis ecolóxicas senón máis viables economicamente, acaban de aprobar a instalación de caldeiras de gasóleo en para quentar a auga das duchas de instalacións deportivas como na Solaina e O Cadaval. Certo que uns quentadores solares non serían prácticos para este tipo de instalación (aínda que si poderían complementala) pero tendo canalización de gas natural próxima sería a opción para escoller por múltiples vantaxes:
  • Non require dun local específico para a súa instalación, como si require o depósito e a caldeira de gasóleo, e que obrigan a facer obra civil.
  • A caldeira é moito máis barata e con menores necesidades de mantemento e limpeza.
  • O combustible é menos contaminante e non vota fumes molestos para a veciñanza.
  • Ofrece auga quente con moita máis rapidez que a caldeira de gasóleo, etc.

Ademais, hai outros aspectos que non se teñen en conta como a eficiencia enerxética da instalación (caldeira, depósitos, tubaxes, etc.) que varía segundo o tamaño, a capacidade, o illamento, etc. de todos os elementos da instalación.

Pero os naroneses xa poden durmir tranquilos porque (para compensar) o Concello adheriuse á “Declaración de compromiso dos gobernos locais coa axenda 2030 para o desenvolvemento sustentable”.

Estes son algúns exemplos sen querer entrar en moitos detalles, pero o tema daría para escribir un pequeno (ou un gran) libro.

Deixa unha resposta