Manifesto da manifestación do venres 13 de xullo dos afectados pola senda peonil e ciclista de O Val e pola ampliación da estrada de O Trece.

(Foto cedida por “El Boletín desde Narón”)

Estamos hoxe aquí, ante o edificio do Concello, por unha parte, para amosar á Xunta, e dar a coñecer ao resto da cidadanía, o noso rexeitamento a unha senda mixta peonil e ciclista que nos quere impoñer a Xunta coa complicidade do Goberno de Narón.

Unha senda financiada principalmente con cartos europeos que debera de vir para mellorar a nosa mobilidade e a facilitar a convivencia entre peóns e ciclistas pero, no lugar diso, non facilita o uso de medios alternativos e obriga a compartir os espazos peonís coas bicicletas creando inseguridade sobre os viandantes.

Unha senda creada pensando máis na economía e na estética que na funcionalidade e a seguridade, que ven a estragar as propiedades privadas, enarborando a bandeira do interese público, cando non é necesario.

Quérennos impoñer, dende a súa posición de poder, un proxecto mal concibido, sen escoitar as propostas da veciñanza. Xa fai case dous meses que representantes da Xunta dicíanse dispostos a dialogar pero non hai resposta, e vimos para recordarlles á Xunta e ao Goberno de Narón a nosa solicitude de diálogo para construír unha senda con zonas diferenciadas para peóns e ciclistas, que non prexudique aos veciños da súa beira e reduza ao mínimo posible as expropiacións.

Por outro lado, tamén queremos manifestar á Deputación e ao Goberno de Narón, como cómplice necesario, o noso rexeitamento ao proxecto de ampliación da estrada de O Trece, un proxecto que levaba case 20 anos nun caixón e que non se adapta á lexislación actual e presenta moitas deficiencias. Así temos que:

  1. Deixa a moitas propiedades sen accesibilidade. As escaleiras ou as fortes pendentes propostas son unha barreira inadmisible, e así o recolle a lei de accesibilidade.
  2. Carece de itinerarios accesibles ao longo da estrada. Camiñar por unha beiravía estreita xogándose o físico entre os vehículos e unha fonda cuneta é intolerable, e contradí a lei.
  3. Non é unha estrada segura para os vehículos e os seus ocupantes. As fondas cunetas, a falta de proteccións laterais, e de protección para motoristas son incomprensibles nunha nova estrada, cando outras administracións están a corrixir estes problemas noutras vías.
  4. A incorrecta distribución das augas de escorrentía e pluviais que anegan propiedades que non están preparadas para a súa evacuación supoñen danos que non se poden admitir.
  5. Cimentos de muros ao aire, taludes verticais sen soportado, e casas antigas sen cimentos que lles quitaron a terra do seu redor que as soportaba son situacións de risco inasumibles.

Non podemos admitir que unha administración como a Deputación, cun proxecto datado en 1998 que incumpre boa parte da lexislación actual, coa beneplácito do Concello, estea a pisar os nosos dereitos.

Queremos que o Concello acorde coa Deputación da Coruña un convenio para acadar o desenrolo dunha estrada digna segundo as reclamacións veciñais.

Facemos un chamamento ás Administracións para a reflexión, ofrecémoslles saídas dignas, que satisfarán a todos, e as Administracións serían as primeiras beneficiadas.

Din que rectificar é de sabios, e resistímonos a pensar que os nosos dirixentes non dan a talla, máis temos que recordarlles a políticos e administracións, que a democracia é algo máis que votar cada catro anos, e que hai que gobernar escoitando ao pobo e non en contra del.

Dicirlles que ASÍ NON, que falta diálogo e sobra imposición.

Deixa unha resposta