Manifesto da concentración do xoves 21 de xuño dos afectados pola senda peonil e ciclista de O Val.

Estamos hoxe aquí, ante este edificio administrativo, para amosar á Xunta, e dar a coñecer ao resto da cidadanía, o noso rexeitamento a unha senda mixta peonil e ciclista que nos quere impoñer a Xunta coa complicidade do Concello de Narón.

Unha senda financiada principalmente con cartos europeos que debera de vir para mellorar a nosa mobilidade e a facilitar a convivencia entre peóns e ciclistas pero, no lugar diso, non facilita o uso de medios alternativos e obriga a compartir os espazos peonís coas bicicletas creando inseguridade sobre os viandantes.

Unha senda creada pensando máis na economía e na estética que na funcionalidade e a seguridade, que ven a estragar as propiedades privadas, enarborando a bandeira do interese público, cando non é necesario.

Quérennos impoñer, dende a súa posición de poder, un proxecto mal concibido, sen escoitar as nosas propostas. E vimos aquí hoxe a dicirlles NON, ASÍ NON, que a democracia é algo máis que votar cada catro anos, e que hai que gobernar escoitando ao pobo.

Xa fai case un mes que representantes da Xunta dicíanse dispostos a dialogar pero non hai resposta, e vimos para recordarlles a nosa solicitude e entregar por rexistro a nosa proposta, para construír unha senda con zonas diferenciadas para peóns e ciclistas, que non prexudique aos veciños da súa beira e reduza ao mínimo posible as expropiacións.

Onte saltaron aos medios de comunicación noticias confusas sobre a posible suspensión ou a desistencia de construír a senda peonil e ciclista en O Val, debemos dicir que os veciños seguimos a esperar unha resposta oficial á nosa petición de diálogo. A falta de coñecer unha posición clara da Xunta, resistímonos a pensar que se vaia a adoptar unha posición tan covarde, caprichosa e despilfarradora.

  • Covarde: por non aceptar o diálogo dos veciños que están a tender a man aos políticos da Xunta.
  • Caprichosa: porque sería unha resposta pouco racional e inmatura de non querer afrontar un problema que nos compete a todos.
  • Despilfarradora: porque supoñería tirar moito diñeiro investido en proxectos, xestións e na obrigada indemnización á empresa contratada para facer a obra. Non cremos que estean a pensar en tirar o diñeiro público (de todos nós) por un capricho.

Facemos un chamamento á reflexión, ofrecémoslles unha saída digna, cun proxecto ben exposto e máis económico, e que deixaría satisfeito a todo o mundo, e a Xunta sería a primeira beneficiada.

Din que rectificar é de sabios, e resistímonos a pensar que os nosos dirixentes non dan a talla.

Señores da Xunta ASÍ NON, máis diálogo e menos imposición.

Deixa unha resposta