ENE advirte a Patrimonio e Deputación sobre os problemas de accesibilidade no proxecto ampliación da praza do colexio de Xubia.

Eliximos Narón meteu por rexistro sendas solicitudes a Patrimonio e Deputación para que teñan en conta as deficiencias do novo proxecto formulado para a praza, como son:

  1. O proxecto non recolle as solucións a aplicar nos encontros con as áreas do contorno para afrontar o desnivel de 10 cm. que implica a novo chan e, por tanto, non cuantifica o seu custo.
  2. Só se contempla un paso accesible a través da rúa paralela á praza ao comezo da rúa, cando parece razoable que se fagan outros dous, un ao medio da rúa e outro ao final do tramo como continuación da beirarrúa da esquerda cara ao colexio.
  3. Non se recolle a utilización de pavimentos táctiles de guía para invidentes nin diferenciación de cores nas distintas zonas da praza, por exemplo, un itinerario peonil entre a estrada de Castela e o colexio, ao ser esta a área de maior afluencia de persoas.
  4. Non se contempla o efecto de sombra das árbores sobre a iluminación da praza, o que provocará unha insuficiente iluminación da mesma facéndoa inaccesible e perigosa para moitas persoas.
  5. Non se contempla a sobre-iluminación do paso de peóns elevado como se recolle na Orde FOM-3053-2008.
  6. Non se recollen bancos con repousabrazos en polo menos un de cada cinco.

Ademais se incidiu en que:

  • A nova configuración proposta para a praza correspondería con unha zona 30 (de prioridade peonil) e non con zona peonil.
  • Non se ten en conta a circulación diferenciada entre o futuro carril-bici da estrada de Castela, o Colexio e o carril-bici do paseo marítimo.
  • A eliminación de todo o aparcamento que contempla o novo proxecto implica dificultades para persoas con mobilidade reducida e para outras actuacións que requira de aparcamento próximo.

A vista de que o Goberno novamente non quere escoitarnos, nin a nos nin a os veciños, decidimos facer chegar as nosas observacións directamente a Patrimonio e á Deputación.

Deixa unha resposta