Falta de transparencia e pouca participación na nova web do Concello.

No pasado Pleno do día 26 de abril, transcorrido un terzo do ano, pregunteille á alcaldesa sobre cando ían poñer en marcha a elaboración das novas ordenanzas recollidas no Plan Normativo de 2018, sen obter resposta (pode facelo no seguinte pleno).

Dous días despois, o pasado sábado 28, decatámonos pola prensa da apertura da páxina web www.naronparticipa.es que non nos foi presentada nin anunciada, o cal xa supón unha falta de transparencia cara aos partidos da oposición. Con todo, non colgaron a noticia na páxina web do  Concello e só hai unha ligazón sen máis explicacións de para qué é e cómo funciona o tema. Unha falta de transparencia que tampouco axuda á participación.

A aplicación está condicionada ao emprego dun correo electrónico que, aínda que hoxe é bastante habitual,  non todo o mundo teno (co cal se limita a participación), e pide logo un teléfono móbil para algunhas tarefas, que non todos os naroneses teñen (o que restrinxe aínda máis a participación). As explicacións e axudas no funcionamento da aplicación web son escasas ou inexistentes en ocasións.

Chega un ano e medio tarde, pois por lei debería de estar operativa en outubro de 2016, como xa funcionou noutras administracións como a Xunta, e xa debeu empregarse para as recentemente modificadas ordenanzas fiscais, para as cales o tripartito rexeita a súa consulta, en contra da Lei do Procedemento Administrativo e coartando os dereitos dos naroneses.

Nin na prensa nin na web anúnciase que se abre o prazo de consulta para cinco ordenanzas, nin hai un chamamento á participación, algo importante se temos en conta que o prazo se reduce a 15 días naturais.

As ferramentas están ben, pero o uso que se fai delas é o que importa. Pódese facer ben, mal ou regular e neste caso, ademais da falta de publicidade, vemos unha mala práctica ao abrir a consulta 5 ordenanzas á vez, pois non creo que nin os políticos imos a ter suficiente tempo para miralas e afrontar a participación en todas elas, tendo en conta que en moitos casos fan referencia a ordenanzas e a leis antigas que debemos de mirar (e das que non achegan nin ligazóns para consultar e/ou descargar).

Xa temos a ferramenta, ¡agora falta ver cando de verdade promoven a participación!.

Deixa unha resposta