Avaliación en asemblea da reunión dos afectados pola senda do Val cos técnicos da Xunta.

Na asemblea dos afectados pola senda peonil e ciclista de O Val do pasado sábado día 16 fíxose unha reflexión colectiva sobre a reunión cos técnicos da Xunta e o concelleiro de urbanismo celebrada o xoves 14 chegando ás seguintes conclusións:

  1. Sobre a orixe da senda: Responsabilidade do Concello e discriminación a O Val.

Os veciños preguntaron quen propuxo a senda e o motivo de proxectarse comezando en O Val e non nos límites do Concello (rotonda de acceso á AG-64) ou en Ferrol. O técnico da Xunta contestou que foi acordada co Goberno municipal dentro dun plan de actuacións na comarca, pero o concelleiro de urbanismo non deu explicacións sobre o porqué da discriminación de O Val fronte a San Mateo, nin de porque non se informa aos veciños destas propostas, nin sequera a posteriori nas mal chamadas reunións de participación cidadá.

  1. Sobre a beira seleccionada: A senda na beira dereita non é funcional e crea riscos innecesarios, pero é máis económica.

Cuestionouse o por que se proxectou sobre a beira dereita en lugar da esquerda, sendo esta a que concentra todos os puntos de interese importantes (praias, monumentos, edificios públicos e centros sociais, etc.), o que a fai menos funcional e crea maior risco debido á cantidade de puntos de cruzamento que xera. A resposta do técnico non foi clara, indicou que se avaliasen todos os proles e contras decidíndose por esa beira.

A conclusión alcanzada é que o factor económico tivo máis peso que a funcionalidade e a seguridade das persoas. Aclarar, por exemplo, que na outra beira concéntrase todos os farois de iluminación da estrada e o seu traslado elevaba bastante o custo.

  1. Engano a Europa e á cidadanía: Falsa mobilidade alternativa.

Falouse de máis de 100 quilómetros de sendas construídas por todo Galicia, parece que todas elas sen segregación entre tráfico ciclista e peonil, executando sendas mixtas de 2 metros de ancho.

Insistiuse en que aínda que fose mixta era para ciclistas de paseo e non profesionais, a pesar de que non hai garantías de como se vai a usar.

A versión que contou na asemblea o portavoz do PP no Concello (non presente na reunión) é que a Xunta pretendía facer beirarrúas pero que lle daban o nome de “senda mixta peonil e ciclista” para poder cobrar os fondos europeos de mobilidade alternativa, pois para beirarrúas non os daban.

A conclusión obtida é que a Xunta está a enganar a todos, aos veciños para expropiarlles as súas terras e propiedades (pois para facer unhas beirarrúas non faría falta recorrer ás expropiacións), e á Unión Europea por unhas “Sendas” que non permiten unha adecuada mobilidade alternativa da veciñanza en bicicleta. Mentres, o Concello mira para outro lado.

  1. Outros intentos de engano sobre o proxecto que provocaron a indignación dos veciños, por exemplo:
  • Afirmaron que non había dous proxectos diferenciados, cando da “separata para información pública” do ano 2016 ao Proxecto de construción de 2017 (que non foi posto a exposición pública e que se localizou entre a documentación da licitación) hai importantes cambios nas seccións tipo e na afectación sobre as propiedades aumentando de forma relevante as expropiacións.
  • Afirmar que non é posible o desprazamento do eixo da estrada, cando o propio proxecto contémplao para un caso, e tamén os propios técnicos propoñíanllo aos veciños nun dos tramos da estrada de Baltar (AC-114) para salvar un carballo centenario.

A conclusión é que Concello e Xunta están a gobernar para o pobo pero sen o pobo, e que a cidadanía só conta para pedirlles o voto cando chegan as eleccións.

Deixa unha resposta