ENE propón melloras no IBI das construcións con aproveitamento solar e do sector primario, e no rural narones.

O proceso de regularización catastral, levado a cabo polo Ministerio de Facenda foi autorizado polo tripartito para o ano 2016, a pesar de que puido atrasalo un ano para darlle un ano máis de marxe aos veciños, pero lles interesaba que pagasen canto antes.

Este proceso, a pesar do pago inicial dos 60 € como sanción, estase revelando á poboación coa chegada das notificacións das novas valoracións catastrais durante o 2018 e as sancións por cobros pendentes dos catro últimos anos, afecta dun xeito moi negativo a gran parte do municipio con 3.795 regularizacións das que unhas 2125 foron ampliacións ou reformas de vivendas. Inclúe tamén bens dedicados a diversas instalacións vinculadas á actividade agropecuaria que no pasado non cotizaban, así, palleiras, galpóns, cortes e invernadoiros que anteriormente estaban exentos de tributación, a día de hoxe están incluídas polo Ministerio de Facenda como bens obrigados a contribuír á facenda local.

Na asemblea sobre o IBI que tivo lugar o 5 de setembro no local social de O Val, ante as queixas dos veciños pola afección do chamado “catastrazo”, e que tivo especial repercusión sobre o rural, o concelleiro de ENE adquiriu o compromiso de promover medidas para tratar de reducir a presión fiscal sobre dito sector.

Agora que o tripartito propuxo os cambios de as ordenanzas fiscais para o próximo ano, a vista de que non se inclúe ningunha modificación no IBI, dende Eliximos propoñemos medidas de contención dese impacto negativo do “catastrazo” de cara á súa eficacia no ano 2019, tendo en conta de sobremaneira ás explotacións agropecuarias, tanto ás que exercen unha actividade residual como aquelas que aínda actúan na plenitude das súas potencialidades. Así proponse:

  • Reducir o tipo de gravame para os bens de natureza rústica do 0,65% ao 0,62%, quedando igualado co tipo dos bens inmobles de natureza urbana.
  • Establecer unha bonificación do 95% da cota íntegra do imposto sobre os inmobles nos que se desenvolvan exclusivamente actividades agrarias, gandeiras e forestais pertencentes ao sector primario, mentres que no caso de convivencia de varios usos, sendo un deles o agropecuario, a bonificación será do 50%.
  • Engadir unha bonificación do 95% aos bens de natureza rústica rexentados por cooperativas agrarias e de explotación comunitaria da terra.

Asemade, aproveitase tamén a ocasión desta modificación para propoñer que se recolla unha bonificación para os bens inmobles nos que se instalen sistemas para o aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía proveniente do sol, de forma que o Concello poña a súa pequena aportación para promover o uso de sistemas enerxéticos que axuden a frear o cambio climático e os seus efectos sobre o noso entorno e o planeta.

Deixa unha resposta