Eliximos reitera a devolución dos cartos confiscados polo Concello no recibo do lixo.

Logo de ano e medio de que Eliximos destapase a confiscación do Concello nos recibos do lixo de 2015, e con varias decenas de solicitudes de devolución feitas por rexistro por empresas e veciños, o Concello segue a calar e facer caso omiso ao seu deber de devolver o que colleu e non lle corresponde.

A sobre-facturación é un feito recoñecido polo alcalde fóra de toda dúbida, recollido nunha resolución da alcaldía do 20 de marzo de 2017.

Xa solicitábamos por aquelas datas que a devolución fose tramitada en forma de minoración noutro dos recibos das cantidades sobrefacturadas, co fin de evitar molestias e papeleos innecesarios tanto para a veciñanza como para as oficinas do Concello ou COSMA.

No seu momento o Alcalde escusouse da inmediata devolución apoiándose nunha solicitude ao servizo de asistencia técnica a municipios da Deputación sobre o mellor procedemento a seguir para subsanar o problema. Xa parecía entón unha táctica dilatoria no tempo á espera de que o próximo ano prescriba o caso, e así foi pois a resposta da Deputación nunca chegou e sospeitamos, xa que a resposta é ben evidente, que a consulta quedou aparcada interesadamente no fondo dun caixón.

A estas datas, despois dos feitos e do tempo transcorrido, e ante a falta de resposta oficial a decenas de solicitudes de devolución, só se pode quitar unha conclusión: a confiscación está a mostrarse como un verdadeiro roubo do tripartito TEGA-BNG-PSOE aos seus veciños.

Deixa unha resposta