Eliximos pide puntos de recarga para vehículos eléctricos nos aparcamentos públicos de Narón.

En novembro de 2016 a Comisión Europea presentou o paquete lexislativo «Enerxía limpa para todos os europeos» para profundar na articulación da Estratexia da Unión da Enerxía e garantir o cumprimento de compromisos globais como os do Acordo de París.

En España a emisión de gases de efecto invernadoiro é crecente, aumentando un 4,4% en 2017 respecto a 2016, o maior aumento interanual dende 2002. Polo tanto, é prioritario adoptar medidas para reducir o consumo dos combustibles fósiles en sectores como o do transporte, cun consumo final de enerxía próximo ao 42% en España, onde o transporte por estrada representa o 80%.

Unha mobilidade sustentable achega beneficios en materia de diversificación enerxética, de redución de emisións contaminantes e da contaminación acústica, e na dependencia dos produtos petrolíferos a favor de enerxías autóctonas.

O fomento das tecnoloxías alternativas no sector transporte representa, no actual contexto económico, un reto e unha oportunidade para varios sectores estratéxicos como son: o enerxético, o da automoción e o de tecnoloxías da información e das comunicacións, tanto desde un punto de vista industrial e tecnolóxico, como enerxético e ambiental, favorecendo así a xeración de emprego e de actividade económica asociada.

O Concello de Narón ten dado moi poucos pasos neste sentido, sendo o máis destacado as bonificacións no “rodaxe” para vehículos menos contaminantes, pero que ao final quedou nunha política de “café para todos” pois aplicaron a máxima bonificación a todos os vehículos híbridos, eléctricos, de combustibles gasosos ou híbridos gasolina-gas, no lugar de facer un desconto gradual en función de conta canto contaminan. Non debemos esquecer que, por exemplo, un hibrido de moita potencia pode contaminar máis que un gasolina ou diesel de pouca potencia, co que, na práctica, non se promove a baixada da contaminación senón o mercado destes vehículos.

O goberno español, en liña coa UE, acaba de aprobar nun Real Decreto o Programa MOVES, de incentivos á mobilidade eficiente e sostible, subvencionando con fondos FEDER actuacións en:

  • Adquisición de vehículos de enerxías alternativas, sendo obrigatorio o achatarramento dun vehículo vello.
  • Implantación de infraestrutura de recarga de vehículos eléctricos.
  • Implantación de sistemas de préstamo de bicicletas eléctricas.
  • Implantación de medidas contidas en plans de transporte ao traballo en empresas.

Dende Eliximos apostamos porque o Concello se aliñe coa UE e o Estado e, facendo uso destas subvencións, instale puntos de recarga para vehículos eléctricos nos aparcamentos públicos do Concello, como pode ser o do Pazo da Cultura, e estude con Ferrol incorporar bicis eléctricas no sistema de préstamo de bicicletas que teñen en colaboración.

Deixa unha resposta