Eliximos denuncia que o Tripartito está fomentando o traballo en precario.

No Pleno de onte Eliximos pediu que se reformase o contrato de “Mellora da eficiencia enerxética nos alumeados de As Viñas, A Fraga e Braña” porque se está a tramitar como un contrato de SUBMINISTRO no lugar dunha OBRA a pesar de incluír a instalación das luminarias e incluso o tendido de cables para alimentar a instalación.

Denunciou tamén que, revisando outros casos, descubriron que é unha práctica que se vén facendo dende hai tempo nas obras de renovación de alumeado por todo o Concello, buscando unha licitación dos traballos á baixa sen importarlles que se precaricen os traballos e a ma de obra, e tendo consecuencias como:

  1. Falta de garantías do traballo de instalación realizado.
  2. Risco de unha responsabilidade do Concello ante un incidente ou accidente grave por fomentar traballos ilegais en precario.
  3. Risco de que a instalación non se execute debido a que o tipo de contrato legalmente non o permite, coa conseguinte obriga de ter que facer un novo contrato de OBRA.
  4. Documentación insuficiente (de menor custo) carentes de moitos dos requirimentos necesarios para levar a cabo unha obra, como:
  • Documentación elaborada por persoal sen a titulación necesaria.
  • Falta do estudo de seguridade e saúde no traballo.
  • Ausencia dun Plan de obra (do programa de traballos).
  • Falta de supervisión polo servizos técnicos do Concello.
  • Falta do equipamento necesario para a obra.
  • Falta dun orzamento tendo en conta as correspondentes medicións e cadros de prezos descompostos.

A contratación pública ten un importante papel dentro da economía do Estado situándose ao redor do 20% do PIB. Este impacto económico explica, xa de por si, os motivos polos que debe servir para construír o mercado interior e consolidar un modelo de relacións contractuais orientadas á máxima eficiencia dos fondos públicos e a actuacións responsables socialmente.

A nova lei de contratación introduciu novas ferramentas para facer unha Contratación Pública Responsable que poña os intereses das persoas por riba do abaratamento. Valores como a calidade e a dignidade do traballo deben ser defendidos desde a institucións públicas que deben garantilos.

A cuestión é que non se pode defender un traballo digno se nin sequera se recoñece que existe traballo, se o traballo desaparece dos contratos ao reducilos a unha mera subministración.

Resulta irónico que ao tripartito de TEGA, BNG e PSOE (que leva “Obreiro” nas súas siglas) se lles encha a boca a criticar a actuación de empresarios privados, como os donos de Poligal, mentres eles están a actuar con formas igualmente reprobables.

Nota:      Aínda que teoricamente é un subministro de material de iluminación se recollen traballos de:

  • instalación das luminarias,
  • adaptación de soportes das luminarias nos brazos, columnas ou báculos,
  • instalación de novos puntos de luz (báculos incluídos),
  • instalación de canalización subterránea con arquetas de conexión,
  • substitución de brazos de farol,
  • substitución de caixas de empalme con protección,
  • substitución das liñas de cables (tramos de 30 e 40 metros),
  • reforma de cadros de mando e proteccións.

Para entender mellor o tema, sería como si compramos unha lámpada para o salón na tenda e o que a ven a servir ten instalar o gancho para colgala, que facer as rozas, meter os tubos, a instalación eléctrica co seus cables e o cadro de proteccións.  ¡¡ Unha ganga, xa non temos que contratar ao albanel nin ao electricista !!. 

Dende a páxina da Plataforma de Contratación do Estado pódese consultar, por exemplo, o documento de pregos de “Mellora da eficiencia enerxética no alumeado público do Alto do Castiñeiro” co tipo de contratación e acceder ao prego de Prescricións Técnicas onde se pode comprobar as obras requiridas.

https://contrataciondelestado.es/wps/wcm/connect/89198d8d-5f17-44de-bed8-ba6212d0e982/DOC_CD2018-498209.pdf?MOD=AJPERES

Deixa unha resposta