Eliximos cuestiona as condicións do tripartito para dar bonificacións a empresas.

O pasado mes de febreiro o Pleno de Narón aprobou por unanimidade sumarse á iniciativa ’Concellos Doing Business Galicia’ do convenio Xunta-FEGAMP para ofrecer bonificacións nos impostos de IBI, IAE e ICIO durante tres anos ás novas empresas que cren traballo e se instálen no Concello ou a aquelas outras que amplíen as súas instalacións creando novo emprego.

Con todo, para a súa posta en práctica, a modificación das ordenanzas non se fixo seguindo o protocolo aprobado, e impuxéronse condicionantes e impedimentos que se escapan mesmo da lóxica e que van limitar as posibilidades de Narón fronte a outros Concellos que aprobaron o protocolo orixinal do convenio. Por exemplo:

  • Condiciónanse as bonificacións nos tres impostos á solicitude do imposto de construcións e obras (ICIO) e, por tanto, á realización das obras. Isto exclúe ás empresas que non se propoñan construír ou modificar instalacións e opten por alugar, comprar, …, algo frecuente nas PEMES cando comezan por non dispoñer do suficiente capital para afrontar a posta en marcha do negocio e a construción a un tempo.
  • Discriminan polo tamaño da empresa: faise unha clara discriminación negativa ás grandes empresas pois só optarán a descontos con máis de 14 novos empregados e 15 millóns de investimento, mentres que as demais poden optar dende o primeiro traballador e 1 euro de investimento. O máximo desconto para as grandes empresas require dun investimento en obras de 15 millóns e máis de 275 empregados (un soño case imposible), mentres que a unha PEME bástalle 1 traballador e 0,25 millóns de investimento (ou outras variantes subindo a 4 traballadores e reducindo o investimento ata 1 euro).

Por outra banda, no paquete de gran empresa, ademais das empresas de máis de 250 traballadores, inclúense as superficies comerciais e áreas de comercio mixto ou  multiproducto con tan só 400 metros cadrados (o suma catro baixos normais).

  • Limitan a contratación impedindo contratar a traballadores que tivesen relación coa empresa nos cinco anos anteriores, algo que non parece razoable, pois se exclúe a traballadores con coñecemento da empresa e do seu traballo.

Por outra banda, tamén publicaron que as bonificacións eran para empresas que se instalasen nos polígonos industriais de Narón, o cal non é certo e parece unha publicidade intencionadamente enganosa para tentar encher os polígonos.

Finalmente, introdúcese un efecto retroactivo, que non se formulou en ningún outro  Concello, polo que se devolverá diñeiro a empresas que se instalaron nos últimos 3 anos cumprindo as condicións e solicíteno, algo que, aínda que poida ser de interese para o  Concello no sentido de axudarlles a que non pechen o negocio e manteñan os traballadores, resulta sospeitoso porque non é algo aberto a todas, senón a un grupo limitado de empresas que resultan coñecidas, por tanto, implica entregar diñeiro do Concello a petos coñecidos, o cal nos fai preguntarnos se realmente é legal e/ou ético.

Deixa unha resposta