(Foto cedida por El Boletín desde Narón)
Na comisión de obras deste luns 16 de xullo, ante as preguntas do Concelleiro de Eliximos sobre as conversacións mantidas pola alcaldesa e o concelleiro de urbanismo coa Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas (en diante AXI), o Sr. Ramos comunicou que se entregou unha recompilación de queixas dos veciños e obtiveran o compromiso por parte da dirección da AXI de contactar directamente cos veciños, sen intermediarios, para tratar de chegar a un acordo un a un para resolver os problemas que estes expuñan.
Queren obviar, tanto o Concello como a AXI, as solicitudes xa feitas por rexistro coas firmas de moitos dos afectados para tratar de desfacer as demandas colectivas, seguindo a máxima de “divide e vencerás”.
Ao solicitar copia da documentación que se entregou á AXI negouse a mesma argumentando que era documentación que se recolleu a nivel persoal, a pesar que confirmou que a reunión era de carácter oficial entre administracións.
A lei de Administracións públicas obriga a que a transmisión da información oficial entre administracións realícese por rexistro mediante documento público. As conversacións ou comentarios realizados de viva voz e non recollidos nun acta tamén carecen de validez legal. Por tanto, NON houbo entrega de documentación válida.
Por outra banda, nas visitas realizadas polos concelleiros a algúns dos afectados da zona foron tomando notas que non ensinaron aos mesmos nin estes rubricaron, tampouco se lles informou de que as informacións recollidas íanselle a trasladar á AXI ou outros organismos públicos. Por tanto, carecen de toda validez como demanda NON recoñecida polos afectados.
Estamos novamente ante unha posta en escena carente de toda transparencia e validez legal, un teatrillo entre administracións co fin de enganar á opinión pública sobre a realidade das súas intencións. Unha mostra máis de falta de calidade democrática do Goberno de Narón.