A senda da Deputación en San Xiao, un novo despropósito

A petición da asociación de veciños, estivemos a estudar a situación da senda peonil en construción de San Xiao, e da ampliación e modificación do trazado da estrada de Xuvia a Castro.

A sorpresa foi maiúscula cando vimos que a nova senda non respecta o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que se modificou especificamente para recoller os cambios da estrada, é dicir, que a senda peonil en tramos importantes discorre por encima do que ten que ser a nova estrada ou, dito doutro xeito, que cando se faga a nova estrada hai que desfacer boa parte da senda.

Evidentemente isto é unha mala noticia por diversas razóns:

  • Supón un novo malgaste, totalmente inxustificado, do diñeiro público.
  • Resulta un atraso no obxectivo de chegar a ter o viario reformado.
  • Os veciños non terán por onde camiñar cando se fagan as obras da nova estrada.

Atopámonos novamente cun goberno municipal que mira para outro lado cando se trata obras doutra administración a pesar de ser ilegais.

Resulta impensable que a un veciño lle deixasen ampliar unha casa que está fóra de aliñación ou construír en terreo polo que está trazada unha rúa, isto sería unha prevaricación. Entón ¿por que se lle permite á Deputación?.

Ademais da ilegalidade ou o malgaste que supón a senda atopámonos con outros típicos problemas destas obras como o de non axustarse ao proxecto e as chapuzas.

A senda en lugar de ir transcorrendo a nivel da estrada, para o que había que facer algún desmonte, vai subindo e baixando co desnivel do terreo de forma que resulta inaccesible dende a estrada ou para os peóns que queiran pasar á senda dende a outra beira. Tamén as propiedades quedan sen acceso adecuado á estrada. Finalmente, chegado unha zona estreita, mesmo a cambian de man dereita á esquerda para non afrontar unhas expropiacións que van ser inevitables co ensanche da estrada; algo que non se recolle no proxecto e que obriga a un cruzamento aos peóns.

A senda non discorre polo seu trazado definitivo segundo o PXOM, pero tampouco segue o trazado do proxecto, pegada á estrada e cunha cuneta hormigonada por medio, senón que vai facendo un percorrido un tanto aleatorio esquivando no posible os postes do tendido eléctrico, incluíndo algunha “S” polo medio.

Preguntándonos como vai acabar semellante despropósito.

Deixa unha resposta