A participación novamente escondida aos naroneses.

A participación cidadá en Narón é unha pantomima moi vella na que desgraciadamente xa case ninguén cre, aínda que o Tripartito non a ignora porque é algo que lle vén imposto legalmente, e porque lles dá certa visibilidade ante os veciños, especialmente á concelleira do PSOE.

Veñen gastándose ao redor de 40.000 euros anuais para contratar a unha empresa para organizar 26 reunións (e levantar actas, algo reservado a un funcionario no regulamento) con entidades veciñais ao longo do ano (uns 1.540 euros por reunión de unha hora de duración aproximadamente), reunións ás que xeralmente acoden máis políticos que veciños (en moitas ocasións só 2 ou 3 persoas das entidades convocadas) e nas que pouco máis se fai que recoller algunhas queixas ou peticións de mellora, ás veces históricas, ás que na súa maioría non se lles dá resposta, nin se actúa en consecuencia. Os famosos orzamentos participativos volveron ser unha quimera outra lexislatura máis.

O pasado ano abriuse un período para presentar propostas para a reforma do regulamento de participación cidadá, só Eliximos e unha persoa presentaron propostas, pero como non gustaron, e coa desculpa de introducir melloras relativas a igualdade de xénero, non se chegaron a debater nin a considerar, así que foi outra burla máis.

Como agora a lei obriga a someter “consulta pública” certas normas e regulamentos (con carácter previo a súa elaboración), e hai que xustificar que se fai algo en canto a participación, contratouse unha plataforma para colgar documentos e que a xente poida opinar. Por certo, optouse por unha plataforma de participación cara e bastante deficiente, en lugar de instalar software gratuíto e de mellor resultado.

A plataforma Narón Participa estreouse coa publicación de 3 ordenanzas e 2 regulamentos a comentar en 15 días e sen publicidade, tras as críticas ampliouse o prazo a 2 meses e publicitouse un pouco. Como era de esperar houbo pouca participación, pois á xente cústalle bastante tragarse 100 páxinas de regulamentos para analizalos e propoñer melloras nun prazo de 15 días, máxime sen garantías de que sirva de algo. Ningunha explicación sobre as mesmas, tampouco reunións, nin diálogo, nin debates, así que a participación só é para quen o poida facer por internet.

Agora a historia repítese, o 26 de decembro quitan simultaneamente 4 regulamentos e un expediente de contratación (algo non previsto) sen publicidade e sen que ninguén se decate, con prazos de 16 días en 3 casos e un mes nos outros dous. Falta novamente a transparencia, parece que se trata de xustificar o requisito pero sen dar pé á participación (nin sequera por internet).

Deixa unha resposta