A involución de Narón.

Aínda que as ideas políticas poidan ser máis ou menos acertadas dificilmente poden levar a cabo se non están organizadas e coordinadas dentro dun proxecto cunha visión a medio e longo prazo que marque obxectivos e un camiño inicial a seguir.

Atopámonos nun mundo que cada vez evoluciona e transfórmase máis rápido. Basta mirar 20 anos atrás para ver como pasamos de levar un teléfono para ter nas nosas mans un Smartphone que nos abre xanelas a mundos reais e virtuais antes impensables.

Dado o ritmo da nosa contorna, estar parado ou ir lento xa supón un retroceso.

Algunhas administracións xa tomaron moita vantaxe. Así, no congreso de seguridade viaria faláronnos de como Madrid está a usar as novas ferramentas do Big Data e a escoita das redes sociais para obter información para a mellora da súa xestión e dos servizos aos cidadáns.

Fronte a iso en Narón temos un Goberno que aínda non foi capaz nin de poñer o rexistro electrónico a funcionar adecuadamente e no que a oficina sen papel aínda segue sinto unha utopía. É máis, atopámonos que as oficinas externas ao edificio do Concello traballan illadas, sen conexión aos programas do consistorio e que moita información transmítese en papel.

Pasar das ideas á práctica require de xestión, xestión que ten que ser (cando menos) boa se se trata de melloras ou de ideas innovadoras.

Non é o caso de Narón cuxa xestión se atopa nunha fase de involución que comezou co anterior alcalde Sr. Branco, que se foi acelerando na súa etapa de traspaso de poderes e continúa en retroceso coa nova alcaldesa. O Consello de Contas advertía de que non existen manuais de procedementos que definan de forma clara os trámites e que regulasen as tarefas desenvolvidas.

A lexislación evoluciona para volverse máis transparente, participativa e garantista, mentres que Narón queda en aparencias, e segue ancorada en 2010 cunha ordenanza de administración electrónica que nunca se chegou a implantar de verdade, con dous anos perdidos para adaptarse á nova lei Procedemento Administrativo Común que en moitos aspectos en Narón aínda non se aplica, con plataformas de contratación de administracións superiores operativas hai tempo que non se quixeron aproveitar, e que obrigan agora a un sobre esforzo para adaptarse á nova lei de Contratación que dificilmente se vai a poder afrontar.

O Consello de Contas advertía de que:

  • Non se prevían coa suficiente antelación os contratos para celebrar durante o exercicio.
  • Non se usaban as firmas dixitais nin o selado de tempo dos documentos.
  • Non existían protocolos que permitisen garantir o segredo das proposicións dos contratos nin a transparencia dos procedementos.
  • Facíase pouco uso do procedemento aberto abusándose do procedemento negociado e sen xustificar adecuadamente nin a elección do procedemento nin a elección das empresas convidadas que, ademais, en contra do seu nome, non se indicaban os aspectos técnicos e económicos a negociar, polo que non sorprende que ao final en moitas ocasións se adxudicaba sen realizar a negociación, ou polo menos non se acreditaba. Tampouco se daban as garantías de ausencia de vinculación entre as empresas ou cos membros da corporación.
  • Utilizábanse obrigacións legais como criterios de valoración.
  • Incumpríanse prazo de execución do contrato.

Na era das TICS o departamento de informática é case inexistente en Narón, o que arrastra que os servizos externos sexan un mundo paralelo illado, que servizos como o sociocomunitario traballen rudimentariamente sen o soporte adecuado e ao bordo do colapso, ou que o Patrimonio estea sen xestión, a súa falta de actualización foi motivo de advertencia desde o Consello de Contas, e ademais agora tamén sen soporte informático debido ao cambio do programa de contabilidade.

O Consello de Contas advertía de que Narón non tiña constituído o rexistro de persoal, aínda que estaba en fase de elaboración dunha ferramenta informática que soportase devandito rexistro, e que tampouco dispoñía dun plan de recursos humanos, e que carecía dun plan de formación do persoal. Tampouco hai aprobada unha política de seguridade da información nin a entidade está adaptada á lei de protección de datos, así falta unha estrutura organizativa nestas materias e, en consecuencia, tampouco hai programas de formación específicos en materia de seguridade da información e protección de datos.

A contabilidade está parada nun limbo debido ao cambio de programa informático que supón unha forte involución polas súas baixas prestacións. Un cambio que arrastra unha desconexión con outros programas de xestión que vai supoñer novos retrocesos na xestión. A primeira consecuencia é que o cambio ten sumido ao Concello nunha parálise contable desde hai 4 meses. A tal extremo chega a situación que algúns funcionarios tiveron que poñer diñeiro dos seus petos para comprar pequeno material que lles permita facer o seu traballo.

O Consello de Contas advertía de que a contabilidade non reflectía adecuadamente a situación real porque o inventario non está actualizado e porque non se depuraban saldos de dereitos de cobro anteriores a 2010 nin obrigacións pendente de pago anteriores a 1997.

Boa parte da xestión nin sequera reflíctese nos orzamentos, por exemplo a xestión da policía ten unha asignación de cero euros. Nada máis lonxe da realidade pois dous terzos do persoal dedícase á xestión nas oficinas, policías facendo labores puramente administrativas mentres na rúa só patrullan un terzo dos axentes duplicando e triplicando quendas, con tantas horas extra (mesmo de oficina) que o pasado ano esgotaron as previsións orzamentarias mentres a outros departamentos negábaselles a realización de horas extra necesarias para cubrir o seu traballo.

Con tanto axente na xestión podería pensarse que é moi boa, pero non é o caso porque novamente fallan as ferramentas e/ou a preparación.

No urbanismo atopámonos que a modificación do Plan Xeral (que nin sequera vai ser un novo) en lugar de meses de xestación vai para os 9 anos e o parto prevese por cesárea. O control e a xestión urbanística durmida. As obras caracterízanse por incumprir as leis e os contratos, para logo facer remendos a conta do diñeiro público.

Desde logo que os soldos non son un problema, pódese comprobar nos orzamentos (documento público) que, ademais de ter unha das alcaldesas mellor pagas de Galicia (51.847,20 euros brutos anuais), hai funcionarios moi ben pagos, xa que 9 deles cobran máis que a alcaldesa, con soldos que chegan aos 84.000 euros brutos anuais, o cal foi motivo dunha observación por parte do Consello de Contas.

Narón está sumida nunha involución causada por un partido en decadencia, sostido nas urnas polo seu clientelismo, no Goberno pola repartición de postos e salarios, e na súa xestión por unha  élite de funcionarios que lle dan cobertura legal ao Goberno.

Deixa unha resposta