INTERVENCIÓN DO CONCELLEIRO NO PLENO DE RENUENCIA DE JOSE M. BLANCO SUÁREZ AO CARGO DE ALCALDE DE NARÓN.

Aínda que cada un ten as súas partes boas e malas, as impresións recollidas de entre os naroneses é a de que como alcalde, Sr. Blanco, fixo posible algo para moitos impensable, que se cumprise o refrán que di: “Outro virá que bo me fará”, é dicir, que conseguiu vostede facer bo ao seu predecesor.

Só esperamos que a historia non se repita e que non o fagan a vostede bo pronto.

Se me permiten empregar unha analoxía co xadrez, vostede, Sr. Alcalde, non deixou de ser un peón que coroaron en dama para darlle xogo a quen move as fichas, deulles bastante xogo, pero xa lle pesan os feitos e, aproveitando que é prescindible, e que a partida esta na súa última fase, vaise sacrificar para coroar outro peón.

No outro lado do taboleiro xa só xogan a ver si a cousa remata en táboas e a esperar ao próximo xogo para ver si, con un pouco de fortuna, teñen máis sorte e poden chegar cunha situación máis vantaxosa á próxima partida. Por contra, do seu lado queren alargala todo o posible, aínda que non sexa mais que para desfrutar da vantaxe e satisfacer egos persoais.

En fin, dende Eliximos intentaremos que, no que resta ata o final, podamos entrar en xogo e facerlles pensar en algo máis que nos intereses de TEGA e nos dos seus valedores.

Xa sabe vostede Sr. Alcalde que non somos amigos, nin creo que vaiamos a ser, pois a súa labor no cargo foi a que vin a fiscalizar. Por a miña parte seguirá a ter o respecto que ten calquera persoa de Narón, pero non conte co meu apoio para que lle poñan o seu nome a unha rúa. Polo demais deséxolle sorte na súa vida persoal e que recolla o froito do que sementou.

Para a súa candidata, desexarlle sorte e inspiración na súa nova labor para que sexa capaz de dar un xiro acertado ao rumbo do concello.

Deixa unha resposta